175 anos de historia, toda unha vida de servizo á cidadanía
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Comandancia de Pontevedra vestiuse de gala este mércores. Non faltaron os uniformes, as autoridades civís e militares nin as condecoracións. Houbo desfile, homenaxe aos caídos e discursos. E, sobre todo, o orgullo asolagou o ambiente. A ocasión non era para menos. Conmemoraban o 175 aniversario da fundación da Garda Civil e quixeron facelo con todas as honras dun acto castrense e deixando clara a satisfacción polo deber cumprido dun Corpo que naceu en 1844 e chega a tan destacados aniversarios como unha das institucións máis valoradas pola cidadanía español.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o tenente coronel xefe interino da Comandancia, Manuel Touceda, presidiron o acto e sacaron peito dos logros de 175 anos nos que, en palabras do tenente coronel, a institución soubo "avanzar hacia el futuro, pero sin olvidarnos de nuestros valores".
O acto castrense pechou mes e medio de actos nos que a Garda Civil pontevedresa rendeu homenaxe aos seus veteranos, achegou o seu traballo a nenos e anciáns e mostrou o seu compromiso contra a violencia de xero e a favor da igualdade a través dun partido de fútbol sala feminino. Ademais, serviu para renovar o seu compromiso de servizo á sociedade, referendar a vixencia dos valores e principios sobre os que se asenta a Institución e recoñecer e agradecer a aqueles membros do Corpo que prestaron servizo aos cidadáns desde a súa creación.
Ademais, foi o momento para facer balance de 175 anos de historia nos que, para o xefe en funcións da Comandancia, a Garda Civil soubo"ganarnos el respeto y el cariño de la sociedad" e foi evolucionando coa sociedade e coas novas formas de criminalidade ata chegar a tan marcado aniversario "en moi bo estado de saúde".
A máxima representante do Goberno na provincia fixo balance de 175 anos encargándose da protección e seguridade da cidadanía e dunha historia que comezou "patrullando por caminos de polvo y arena" e continúa na actualidade polas "autopistas y autovías que entrecruzan la geografía nacional" e destacou que desde a súa fundación en maio de 1844 a Institución "ha permanecido de manera incansable junto a la sociedad", siempre "prestando servicio con vocación, profesionalidad y dedicación".
As palabras de Maica Larriba enxalzaron unha institución que na provincia de Pontevedra atende 58 concellos e garante a seguridade a máis de 450.000 persoas, e á que atribúe o mérito de que sexa unha das provincias máis seguras de España. Non escatimou en eloxios e recoñecemento e recoñeceulles o traballo que realizan, en ocasións, con "carencias importantes".
Especial mención tivo para o "compromiso inquebrantable" dos gardas civís durante eses últimos anos difíciles e quixo insistir en que lle "consta" que o Goberno está a facer "todo lo posible" para ·"r corrixindo os efectos dos últimos anos". A transición, iso si, xa augurou que será "larga".
A subdelegada considera que o seu compromiso coa seguridade, contra a violencia machista, coa protección do medio ambiente ou coa seguridade viaria demostran que tras estes 175 anos de historia a Garda Civil está preparada para "afrontar, como mínimo, otros 175 años más".
O tenente coronel Touceda recoñeceu, ao termo do acto, e en declaracións aos medios de comunicación, que no que vai do ano 2019 a delincuencia subiu "un poquito" na provincia, en especial en delitos como danos, coaccións, ameazas e estafas a través de Internet. Segundo explicou, a ciberdelincuencia é "o novo hándicap que teñen agora todas as policías en toda España".
Precisamente, a subdelegada destacou que uno os retos que teñen por diante é a ciberseguridade, unha materia á que levan anos dedicando "esforzo e especialización" para combater delitos que é difícil atallar, precisamente, pola opacidade que conleva a rede.
En todo caso, o responsable da Comandancia quixo destacar ese lixeiro repunte deste 2019 é necesario analizala en perspectiva, pois a provincia leva cinco anos de descenso de delitos. Baixaron de 15.000 infraccións en 2015 a 11.000 en 2018, preto do 30%.
O acto castrense tamén serviu para a imposición de 19 condecoracións a seis axentes xa retirados na reserva e ao capitán Cándido José Rodríguez Sestayo, tenente Jorge Freijanes Martínez, brigada Fernando Gutiérrez García, sargente primeiro José Cuevas Estévez, sarxento primeiro David Raimundo González González, sarxento primeiro Julían Fernández Felpeto, sarxento primeiro Manuel Alejandro Dobarro Ríos, sarxento primeiro Fernando González Planelles, cabo primeiro Arturo Veloso Regueiro e os gardas Lida González Fernández, Miguel Ángel Casal Silva, José Javier Argibay García e Miguel Ángel González Barros.
Relacionadas:
-
A crise sanitaria marca un 177 aniversario da Garda Civil íntimo e simbólico en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
A ciberdelincuencia non para de crecer e é xa o delito máis numeroso en toda a provincia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Garda Civil réndelle homenaxe aos seus veteranos, os cimentos da institución
Por Redacción & Nacho Fuentes |
-
Os gardas civís peregrinan a Santiago para celebrar o seu 175 aniversario
Por Redacción |
-
A Garda Civil e o Tenorio FS golean á violencia de xénero
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Cernadiñas Novas acolle o XXX Campionato de Tiro de Combate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Garda Civil programa actos conmemorativos do 175 aniversario da súa fundación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |