Os ambulantes solicitan por rexistro o traslado da feira ao centro da cidade
Por Oskar Viéitez
O rexistro do Concello de Pontevedra recolleu este martes a solicitude presentada polo colectivo de vendedores ambulantes para que a feira se traslade ao centro da cidade.
A boa experiencia vivida nas dúas semanas nas que o mercadillo se celebrou en Campolongo con motivo dos mundiais de Tríatlon convenceu aos ambulantes dos beneficios que supón para eles abandonar o actual emprazamento do paseo Enxeñeiro Rafael Areses.
Xunto á súa solicitude os ambulantes acompañan máis dun milleiro de firmas que, segundo aseguraron, pertencen a veciños de Pontevedra que apoian o traslado ao centro urbano.
No seu escrito non demandan que o emprazamento sexa Campolongo, válelles calquera outra localización, especialmente se poden aparcar as súas furgonetas á beira do posto de venda.
A concelleira de Promoción dá cidade, Anabel Gulías, avanzou que o Concello estudará o posible regreso da feira ambulante dos sábados ao centro da cidade. Para iso abrirá un período de consultas con todos os sectores implicados, porque entende que a petición de instalarse en Campolongo, aínda que maioritaria, "non é unánime".
A día de hoxe, dos 78 postos de venda dispoñibles na feira, só 45 están ocupados. O resto de postos vacantes sairán a licitación este verán.
Relacionadas:
-
O Concello, disposto a estudar o regreso do mercadiño ao centro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Vendedores e clientes, "encantados" co cambio temporal da feira a Campolongo: "Aquí está moito mellor"
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado ambulante trasládase durante dúas semanas a Campolongo polo tríatlon
Por Alejandro Espiño |