Galicia, terra de cultura e patrimonio
Por Marga Díaz
Galicia, unha terra máxica que asombra por igual a propios e alleos, viaxeiros, camiñantes e peregrinos. Unha terra de bosques centenarios e fragas primitivas, de illas salpicadas no impetuoso Atlántico, refuxio de antigos guerreiros e piratas, hoxe fogar da maior riqueza da nosa flora e fauna mariña.
As praias galegas, por fortuna, pasaron moitos anos desapercibidas fronte ó atraínte sol do Levante. Pero o segredo non foi eterno, e así os poucos, a costa galega contaxiouse desde virus chamado turismo de sol e praia, mergullando os seus litorais no bulir diario do verán. Dese xeito nasceu o Sanxenxo que coñecemos hoxe, vital e vibrante no bo tempo mais quedo e adormentado no chuviscoso inverno galego. Tamén Combarro, Portonovo, Betanzos ou Foz, tradicionalmente mariñeiros, asumiron un papel transformador máis envorcado á economía turística.
Mailo clima tépedo das rías galegas non foi dabondo para ese turista afeito ó monótono sol do Mediterráneo, e así Galicia puido seguir sendo un referente do turismo alternativo. Do viaxeiro que valora a beleza algo máis salvaxe do seu litoral e o indiscutible encanto dese orballo que realza as rúas empedradas dos cascos vellos: da acolledora Pontevedra, do caldeado Ourense, das pegadas romanas do antigo Lucus Augusti ou do milenario Faro de Hércules. E como non, do lendario Santiago rebosante de arte pero tamén de historias de peregrinos e intrigas universitarias.
A riqueza de Galicia se atopa en cada recanto. Lugares onde a xenerosa natureza fúndese co patrimonio que a man do home moldeou, creando unha paisaxe única: na Ribeira Sacra, onde os canóns se afunden mergullándose no mitolóxico Sil. Na pedra de muros e murallas, testemuñas de loitas e tradicións milenarias. Nos bosques e as rápidas augas do Eume onde medran trasgos e xacias. Nos carballos, bidueiros e castiñeiros do Xurés, da Fervenza ou das rebeldes Fragas de Catasós. E nos xélidos e afastados montes do Courel e os Ancares, salpicados de diminutas aldeas: Froxán, O Cebreiro, Piornedo… onde ben puideron morar Asterix e Obelix aqueles irreductibles galos, compartindo almorzos con osos e lobos.
Aldeas esquecidas, devoradas polo bosque nunha simbiose maxistral de árbore e pedra: O Vello Vichocuntín, Arufe, A Fraga… agochadas coma se carballos e acivros quixeran protexer ás súas pías, hórreos e muiños, case indolentes ó paso do tempo.
Pequenos templos cristiáns, pagáns, ou quén sabe… Santa María de Bóveda o máis misterioso, San Pedro de Rochas tan vello coma místico, Santa María de Ventosa, fermosa e plena de arte, ou San Andrés de Teixido coas súas lendas de mortos e de vivos.
Oficios milenarios que perviven, artesáns que recollen o saber ancestral dun pobo: a viticultura heroica, a arte da pedra en seco, as mans expertas de oleiros, alfareiros ou redeiras, e a pegada maxistral na pedra dos Mestres Canteiros.
Antigos libros e manuscritos: o Códice Calixtino, a primeira guía de viaxes e peregrinaxe da historia inspirada gran parte en Galicia, nos seus camiños e nas súas xentes. Os máis antigos testemuños das primeiras viaxes, e o que é máis importante das primeiras viaxeiras, coma a galega Egeria, quen no século IV sentaría precedente, nunha época difícil para as mulleres, dunha das máis fermosas afeccións: viaxar e facer das súas experiencias os mellores relatos para un libro.
Desta Galicia plena de cultura, patrimonio e natureza, non se pode esquecer o eixo que a vertebra: a língua de Rosalía, Curros, Castelao, Risco ou Cabanillas, a de Carlos Casares, Victoria Moreno e Antón Fraguas, e a de tantos outros… O galego é o idioma que preserva o seu legado. A língua cantareira dos contos de meigas e trasnos, das lendas nas que vaga errante a Santa Compaña, dos conxuros con queimada, sapos e curuxas.
O galego e un patrimonio fermoso, pero tamén necesario e útil porque está vivo, no lapis mestre de Manuel Rivas, no trazo retranqueiro de Luis Davila e no acervo colectivo da nosa cultura cotián, facendo da nostalxia morriña, da chuvia orballo, do típico enxebre e do bo riquiño.
O galego que debe renacer e medrar alleo a esa falacia do mal chamado bilingüsimo, que pretende retornalo ós seus tempos máis escuros. Alleo á dubidosa conciencia dos que promoven a españolización da nosa toponimia: "La Coruña, Sanjenjo, Orense..." Alleo ós que validan as cuestionables cifras da súa suposta inutilidade lingúistica, alleo ós que alimentan os malintencionados bulos sobre o "peligroso retroceso del castellano", en definitiva alleo ós que esquecen que a nosa lingua, como di a UNESCO é a nosa forza de desenvolvemento e crecemento, e tamén o berce do noso pobo, o que preserva a súa identidade, un patrimonio indisociábel da nosa cultura xa que é dela de onde nace é nela desenvólvese.
Marga Díaz https://viajesvagalume.blogspot.com/
Relacionadas:
-
Paisaxes da España descoñecida
Por Marga Díaz |
-
Egeria: a primeira viaxeira, muller e galega
Por Marga Díaz |
-
Romanía: a sorpresa de Europa
Por Marga Díaz |
-
Venecia, moito máis que pontes e canais
Por Marga Díaz |
-
'A máxica Pontevedra' faise oco na revista Viaxes National Geographic
Por Redacción |
-
A vida eremítica. A beleza da arquitectura rupestre
Por Marga Díaz |
-
O bosque encantado
Por Marga Díaz |