O PP teme que o principal estímulo da Policía Local sexa o afán recadador
Por Redacción
Denunciárono hai tres meses e agora os membros do grupo municipal do Partido Popular volven insistir en que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, executa sancións a través da Policía local cun afán recadador. Os populares denuncian unha crecente presión sobre os condutores en forma de denuncias e multas cada vez máis caras. Ante isto pregúntanse se o obxectivo fiscal "é xa a principal e case única razón de ser dese corpo de seguridade en Pontevedra".
Indican que os resultados de ingresos obtiveron récords durante 2012, segundo a memoria policial, e que durante estes últimos meses volveu a tendencia alcista ao número de accidentes de circulación, cun incremento superior ao 2%.
A gota que agora enche o vaso para os populares é a intención do equipo de Fernández Lores de adquirir un vehículo multamóbil coa función de controlar o estacionamento urbano nas zonas de carga e descarga. Para o PP, esta decisión só tería un obxectivo: recadar máis.
Segundo os datos da memoria policial en 2010, superáronse os 1,2 millóns de euros en multas, que se incrementaron ata 1,3 en 2011. E xa en 2012 a cifra ascendeu a 1.832.000 euros, máis de medio millón que o cálculo presupestario previsto.
Os populares suman a esta situación o incremento da tarifa da grúa municipal nun 32% situando o enganche actual en 115 euros. Pontevedra sitúase detrás de Vigo como a cidade galega que cobra máis pola retirada de vehículos.
O PP finaliza o comunicado sinalando que "a adquisición do multamóbil será a seguinte achega do alcalde Lores a esta estratexia de converter a Policía Local nun corpo esencialmente dedicado a sanear as contas do Concello".
Relacionadas:
-
O 'multamóbil' atrásase ata a primeira quincena de febreiro
Por Natalia Puga |
-
O PP advirte que o Concello prepara as rúas da cidade para que "arrase" o futuro multamóbil
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que só Vigo cobrará máis pola retirada de vehículos que Pontevedra en Galicia
Por Redacción |
-
Sobe o guindastre en Pontevedra: a retirada do coche pasa de 86 a 115 euros
Por Alejandro Espiño |