Ábrese o prazo para presentar ofertas ao novo contrato eléctrico do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Boletín das Comunidades Europeas publica este luns a contratación por parte do Concello de Pontevedra da enerxía eléctrica. Saen aqueles contratos dunha potencia superior a 10 quilowatts por hora, o que supón ao redor das dúas terceiras partes da potencia empregada polos espazos públicos de titularidade municipal.
O importe anual da licitación ascende a 1.549.768 euros para ofrecer enerxía a 210 subministracións e cunha produción de máis de 10 millóns de quilowatts. Servirá para atender a iluminación pública, ás escolas, dependencias municipais, garderías, auditorio do Pazo da Cultura e pavillóns deportivos, entre outros.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, explicou en rolda de prensa este luns que o Pazo da Cultura é o espazo público na cidade de carácter municipal que consome máis enerxía chegando aos 485.178 quilowatts ao ano. O centro de enerxía eléctrica que menos consome é o cadro situado na rúa Arcos de San Bartolomé con tan só 1.078 quilowatts ao ano, un consumo similar ao dunha vivenda particular.
O actual contrato do Concello é con Iberdrola e as empresas interesadas en presentar ofertas á nova licitación teñen 35 días naturais para facer as súas propostas.
Segundo apuntaba o portavoz municipal, os dous aspectos máis importantes para conceder este contrato será a orixe de enerxía que se forneza e o prezo.