Espectacular simulacro de salvamento nun accidente mariño na praia da Concha
Por Aitana Vidal
Un importante despregamento de emerxencias chamou, na tarde deste venres 14, a atención de numerosos veciños de Vilagarcía. Na praia da Concha podíanse ver dous helicópteros, bombeiros, ambulancias, embarcacións, médicos, servizos de urxencias do 061, membros de Protección civil e un hospital de campaña.
Tratábase dun simulacro para ensaiar a intervención que debe realizarse nos casos en que se produza un accidente marítimo. Neste caso, o finxido accidente protagonizábano unha lancha da Autoridade Portuaria e o barco Mamá Rosa, pertencente á confraría de Vilanova.
A partir da colisión simulada entre as dúas embarcacións comezaba o movemento de todos os efectivos de salvamento. O Palpatine de Protección Civil e o barco Salvamar Sargadelos de Salvamento marítimo acudían ao lugar do accidente. Os bombeiros da base do Salnés recollían a lancha das instalacións no porto de Vilagarcía e comezaban o rescate dos tripulantes dos barcos.
Ante semellante espectáculo, decenas de persoas seguían dende a praia as intervencións mentres, a través de megafonía, se ofrecían explicacións sobre cada un dos pasos que se estaban a dar na operación. Nunha bancada, os asistentes ao congreso da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) atendían a cada detalle do rescate.
A medida que os feridos ían chegando á praia eran atentidos segundo o cadro de diagnóstico que presentaban. Ao mesmo tempo montábase o hospital de campaña sobre o areal e 15 médicos e axudantes atendían aos feridos.
Chegaba o momento de localizar os náufragos. Un helicóptero da consellería do Mar, o Pesca I, sobrevoaba a ría e localizaba unha persoa que se encontraba na auga. Era recollido da auga e trasladado ao Hospital do Salnés.
Ao final, os máis de vinte feridos eran evacuados e o simulacro resultou todo un éxito, cumpríndose tempos e obxectivos. Ademais de resultar todo un atractivo visual para os curiosos que se achegaron pola praia de Vilagarcía.