Sorprenden un home conducindo de maneira temeraria, drogado e con cinco botellas de licor roubadas
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio sorprendeu a un home conducindo de maneira temeraria, drogado e con 5 botellas de licor roubadas.
Fuentes oficiais da Policía Local informaron que os feitos tiveron lugar sobre as tres da tarde deste venres 10 de maio. Segundo explicaron, unha persoa achegouse a Comisaría da Policía Local para advertir da condución temeraria dun vehículo instantes previos na rúa Antelo e Valiña.
Os axentes municipais localizaron ao suposto vehículo e condutor na Barca.
Tratábase dun home de 50 anos de idade, veciño de Cangas, que ao ser sometido á proba de drogas deu positivo en cocaína, polo que procederon a formular denuncia administrativa por conducir con presenza de drogas no organismo cunha sanción de 1.000 euros e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.
Cando os policías estaban a rexistrar o vehículo localizaron cinco botellas de whisky e ron no maleteiro perfectamente precintadas e que, segundo xustificou o condutor, regaláranllas.
Os axentes pescudaron que as subtraera do interior do centro comercial A Barca, polo que se lle investiga por un presunto delito leve de furto consumado, citándoo para xuízo rápido para o vindeiro martes día 14, onde se terá que presentar no xulgado de garda.