Poio prevé reformar de xeito integral a biblioteca municipal de Campelo
Por Redacción
O Concello de Poio segue a avanzar na tramitación do proxecto para acometer a reforma integral da actual biblioteca municipal de Campelo. Será a través dun acordo de colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia.
O alcalde, Luciano Sobral, e o presidente dos arquitectos de Pontevedra, Manuel Abelleira, mantiveron este venres unha xuntanza para falar deste proxecto.
A actuación suporá a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación de novos espazos dedicados a estudo e sala de lectura, así como un novo espazo para goce e animación á lectura das crianzas.
Neste primeiro contacto entre as dúas partes, acordouse solicitar, co apoio e asesoramento do colexio, un estudo topográfico e levantamento de planos actuais para coñecer a realidade do inmoble e ter graficamente todas as medidas, distribución, estrutura, instalacións e características básicas da biblioteca.
Sobre este traballo, sinalou Sobral, trazaranse as futuras melloras deste inmoble.