Dous alumnos pontevedreses gañan Galiciencia cun proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina
Por Oskar Viéitez
O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por estudantes pontevedreses é o gañador absoluto da Galiciencia 2019.
A proposta de Nuno Sinde e Pedro Fernández, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, de combater esta especie invasora usando fungos foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona).
Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole.
O proxecto merecedor do máximo galardón, entregado polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, conquistou o xurado cunha sofisticada presentación e unha sorprendente abordaxe para un problema que cada vez é máis preocupante dentro e fóra de Galicia.
O stand de Nuno e Pedro estivo durante os tres últimos días protagonizado por un niño de avespa velutina e varias placas de cultivo que mostraban os resultados do seu método. Partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión deste insecto, procedente de Asia e que está destruíndo moitas abellarizas no norte da Península Ibérica desde a súa chegada no ano 2005.
O controlador natural testado con éxito polos alumnos é un fungo, o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos.Os estudantes propoñen o seu uso en todo o suroeste francés, o norte de España e o norte de Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.
De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na categoría especial de saúde e bos hábitos resultaron gañadores Roi Santos e Sofía Prieto, do Colexio SEK-Atlántico de Poio.
A súa proposta dunha cadea de comida rápida saudable, orgánica e personalizada para cada cliente foi a mellor valorada entre os proxectos dedicados á temática especial desta Galiciencia. Health&So permite que tanto os pedidos como o pago se leven a cabo a través dunha aplicación móbil. O cliente crea un perfil introducindo toda a información persoal necesaria: altura, peso, alerxias, intolerancias ou calquera outra necesidade médica, así como a súa dieta (se é vexetariano, vegano, etc.). A partir disto, a aplicación crea e encarga un menú adecuado ás súas necesidades nutricionais.
Como proxecto máis innovador, foi premiado “ComunicaTEX”, creado por María Buceta e María Seoane, do IES A Xunqueira II dePontevedra. A súa proposta consiste en aplicar as utilidades dos wereables –nome co que se coñecen os téxtiles con algún tipo de elemento electrónico incluído– como elementos de inclusión social. As dúas estudantes crearon materiais e-téxtil capaces de axudar a comunicarse a persoas con diversidade funcional mediante sons e luces.