As rehabilitacións integrais dos institutos Illa de Tambo e Ramón Cabanillas executaranse este verán
Por Redacción
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou este venres que este verán se executarán as obras de rehabilitación integral no IES Illa de Tambo, de Marín e no IES Ramón Cabanillas, de Cambados. Os traballos foron licitados este venres.
MARÍN
Os traballos no IES Illa de Tambo realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018 e contan cun orzamento de 1.175.517,89 euros..
No referido ás actuacións contempladas, inclúen accións para a mellora da eficiencia enerxética como o illamento da fachada mediante sistema SATE, a renovación e illamento das cubertas con panel sándwich no edificio administrativo e no aulario e o revestimento interior das fachadas e da cuberta do ximnasio con chapa de aceiro prelacada, que conta con illamento incorporado.
Así mesmo, cambiaranse as ventás por outras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo, instalaranse novas persianas con lamas de aluminio con illamento a base de espuma de poliuretano e renovaranse as luminarias, colocando equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza nas aulas que teñen luminarias fluorescentes.
As medidas para a eficiencia enerxética completaranse coa instalación dunha nova sala de caldeiras de biomasa, así como de 3 silos prefabricados.
Substituiranse os falsos teitos en mal estado por un falso teito rexistrable de paneis acústicos, limparanse e pintaranse os paramentos interiores e realizaranse varias melloras nas instalacións de electricidade. Ademais construirase unha rampla de acceso ao ximnasio para mellorar a accesibilidade.
CAMBADOS
As rehabilitación integral do IES Ramón Cabanillas ten un orzamento de 1.123.204,75 euros, e inclúe medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética.
Para iso farase unha nova sala de caldeiras, na que se cambia o sistema actual de dúas salas de caldeiras de gasóleo por un novo sistema de caldeiras-tándem de biomasa de alta eficiencia e renovaranse as cubertas das distintas alas da edificación, ben con nova cuberta de tella curva ou con láminas bituminosas.
Así mesmo, illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE, colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza na planta baixa, así como en corredores e aseos das plantas primeira e segunda.
A obra de rehabilitación inclúe, a maiores, a colocación de falso teito na planta baixa e o pintado dos paramentos que se atopen en mal estado.