Un cento de profesionais de hospitais de toda España analizan en Pontevedra os novos retos da Medicina Intensiva
Por Redacción
Un cento de profesionais da Medicina Intensiva de hospitais de Galicia, Madrid, Cataluña e Baleares reúnense este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra con motivo do seu XXXII encontro anual para analizar aspectos acordes á situación actual dos servizos de coidados intensivos ante os novos retos sociais e sanitarios.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou no encontro, que leva por lema 'Camiñando cara o futuro', e destacou que o desenvolvemento científico e tecnolóxico das Unidades de Coidados Intensivos levou consigo un incremento da supervivencia dos pacientes, que se sitúa xa nun 90%.
O titular de Sanidade da Xunta de Galicia subliñou que "hoxe en día, o espazo UCI está cambiando grazas á implantación de medidas para mellorar o benestar dos pacientes, familiares e profesionais. Desde a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde sabemos que os avances en tecnoloxía redundan na mellora da saúde das persoas, pero tamén deben ir necesariamente acompañados dunha mellora na humanización".
A desnutrición nos servizos e unidades de críticos é un dos retos destes servizos hospitalarios, debido ás patoloxías dos doentes así como o propio medio hospitalario. Neste sentido, o conselleiro lembrou que desde o Servizo Galego de Saúde, coa participación de distintos profesionais, está a elaborarse un Programa galego para a optimización da nutrición no paciente crítico (desnutrición cero), cara á prevención e tratamento da desnutrición nestas unidades. Trátase dun programa que será presentado no primeiro semestre do presente ano.
Durante a inauguración oficial do encontro, Vázquez Almuiña estivo acompañado pola directora de Procesos Asistenciais da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández-Arruty Ferro; o presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias, Pedro Rascado Sedes; e a presidenta do Comité Organizador e xefa de servizo de Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Pilar Posada González, entre outras autoridades.