Fiscalía solicita 53 anos de cárcere para unha rede que introducía cocaína a través do porto de Marín
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para os días martes 18 e mércores 19 de xuño o xuízo contra "un grupo organizado dedicado á introdución de cocaína en España" que segundo a Fiscalía utilizou o porto de Marín para traer a droga procedente de Sudamérica e para os que a Fiscalía pide penas que suman 53 anos de prisión.
A pesar da investigación das Forzas e Corpos de seguridade do Estado, únicamente puideron ser identificados algúns dos membros deste grupo organizado.
Entre os acusados atópase Dionisio Lago Benavides, de 49 anos, quen fora cabo da Garda Civil de Rodeiro pero que xa non estaba en activo cando foi detido por estes feitos. Xunto a el sentaranse no banco dos acusados o seu tío B.B.I. de 61 anos, G.P.O. de nacionalidade filipina, M.G.P. de 55 anos e Julio Casino Escriche, un coñecido narcotraficante afincado en Barcelona que foi condenado con anterioridade a 11 anos de prisión por outro delito de tráfico de drogas.
Un dos procesados M.G.P., despois da detención, recoñeceu ante as Autoridades a súa participación nos feitos, abandonando dende entón a súa actividade delituosa e proporcionando datos para a identificación e incriminación doutros membros da organización.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público "cada un dos procesados desempeñaba un labor concreto e determinado dentro do grupo", así uns organizaban o transporte, outros contactaban cos provedores da droga, estaban os que facilitaba a saída da cocaína do Porto e quen simplemente levaba a cabo labores de vixilancia "existindo diferente grao de dependencia e xerarquización entre os membros, en función da natureza dos labores a realiza".
O fiscal acúsalles pola súa presunta participación no tráfico de 57 quilos de cocaína
Así o fiscal antidroga, Luis Uriarte, acusa o ex garda civil de ser o encargado de supervisar as entregas e saída da droga do recinto portuario, onde o procesado supostamente se faría pasar aínda por un membro da Garda Civil en activo tanto para o persoal portuario coma para os outros integrantes da organización.
Aos acusados o fiscal acúsalles pola súa presunta participación no tráfico de 57 quilos de cocaína, dos cales 50 foron confiscados en Varsovia (Polonia) e o resto no porto de Marín.
Relacionadas:
-
31 anos de cárcere para catro acusados de introducir droga a través do porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
O grupo que introduciu coca polo porto de Marín "aprovechó la fiesta de Cantodarea para pasar desapercibidos"
Por Natalia Puga |
-
Din ao xuíz que se inventaron "toda una película" sobre unha rede que introducía coca polo Porto de Marín
Por Oskar Viéitez |