Este xoves 9 de maio, a Facultade de Belas Artes celebra a festividade do seu patrón, San Ero. Estudantes do centro participan desde a mañá cun mercado no interior do edificio en que máis de trinta estudantes amosan as súas creacións con ilustracións, fanzines, libros, adhesivos e roupa.
Ao longo de toda a xornada, na que algúns estudantes se caracterizaron, van celebrarse diversas actuacións musicais a cargo de Cherub, Boombajaxx, Verduleiras, Kylio Moi, Ciega y Peligrosa, Andrea Soliño, Malecho, Rivoira, Shy Kolbe, Lucas Skillz, F. Reckless, Porcas Celtas, Charlito, Hidden Rapouso, Serio Tacchini e Nüca.
A facultade tamén acolle a partir das 19.00 horas un coloquio sobre fanzines e cómic experimental coa idea, segundo manifestaba a decana Silvia García no DUVI, de que San Ero teña tamén un contido académico. Neste debate participan Begoña García Alén e Cynthia Afonso, egresadas da facultade, acompañadas polo deseñador gráfico Mauro Trastoy. Ao mesmo tempo celebrouse un concurso de debuxo.