Sanxenxo gasta en persoal 6,7 millóns ao ano, o 21,33% do seu orzamento
Por Redacción
O Goberno de Sanxenxo defenderá no próximo Pleno da Corporación o proxecto do presuposto xeral para este exercicio que incluirá unha partida de 6,7 millóns de euros destinado ao gasto en persoal municipal, tanto do Ente local coma dos seus organismos autónomos e empresas públicas.
Este capítulo supoñerá o 21,33 por cento das contas xerais e estará dedicado a sufragar os 221 traballadores cos que conta a Administración sanxenxina e que chegan a unha media de 330 durante os meses de verán.
"Estamos nunha porcentaxe máis que razoable en canto a gasto de persoal a pesares de contar cunha ampla equipo que se dispara habitualmente na campaña de verán dada a condición turística deste destino", explicou o concelleiro delegado desta área, Salvador Durán.
Ao respecto, recordou que un estudo realizado en 2012 sobre a situación dos municipios galegos de máis de 10.000 habitantes apuntaban a unha media de gasto nesta partida cifrada no 40% das contas municipais, " o dobre que en Sanxenxo que, pola contra, atópase entre os que máis servizos ofrece á cidadanía".
Isto é posible, a xuízo do edil, grazas á "implicación e a responsabilidade que amosa o persoal deste Concello, o que nos permite optimizar os recursos humanos dos que dispomos dispensando aos veciños e veciñas servizos de calidade".
Está recollida nesta partida a praza de orientadora laboral, un posto considerado polo Executivo local como "moi necesario especialmente neste momento" e que ata agora dependía da concesión de subvencións por parte doutras administracións.
O Goberno aposta, á súa vez pola consolidación do emprego de nove auxiliares de axuda a domicilio e da coordinadora de atención á dependencia, ao ser unha prestación "prioritaria".
O concelleiro de Personal detallou outros avances recollidos nas contas de 2013 como é o recoñecemento da nocturnidade á Policía Local outorgándolle a partir de agora un carácter formal ao incluírse dentro do complemento específico.
O mesmo acontecerá coa contía que percibían os traballadores do Servizo Local de Emerxencias en concepto de incentivo ao rendemento, para o que o Goberno sanxenxino promoveu un expediente singular. "Salvamos deste xeito os escollos legais que impiden o pago de incentivos promovendo así remuneracións xustas e estabilidade no emprego", comentou o edil.