Condenado a sete anos de prisión ao recoñecer ter intentado matar o fillo da súa parella cun revólver
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Fernando Constante Martínez recoñeceu ante o tribunal da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra ser o autor dun delito de tentativa de homicidio e doutro de tenencia ilícita de armas. Son delitos polos que asume unha pena de seis anos e 12 meses de prisión, respectivamente.
O procesado estaba acusado de enfrontarse á súa parella e ao fillo desta cos que compartía vivenda en setembro de 2017 en Arcade, no municipio de Soutomaior. O home entrou na cociña na que se atopaba a muller e o mozo increpándolles utilizando frases como "non creades que son parvo, eu sei o que está a pasar" para insinuar que a muller mantiña unha relación incestuosa co seu fillo. Ante ese ataque, o fillo saía en defensa da nai.
Fernando Constante abandonou momentaneamente a cociña e, aos poucos minutos, regresou cun revólver na man manipulando o canón. Apuntou directamente cara ao mozo e apertou o gatillo da pistola pero a arma non fixo lume.
O agora condenado espetou "xa ves o ruído, a arma funciona e o seguinte vai ser de verdade". Nese momento, a muller empuxou o home de forma que apartou a arma que apuntaba o seu fillo, xusto antes de que disparase o gatillo por segunda vez. O disparo impactou no teito.
O fiscal Juan Carlos Aladro rebaixou a petición inicial de 14 anos de prisión por unha tentativa de asasinato, ameazas e tenencia de arma prohibida a sete anos de prisión por unha tentativa de homicidio con atenuante de confesión e agravante de uso de superioridade, ademais dun delito de tenencia de arma prohibida. A petición foi aceptada polo acusado.
Ademais da pena de prisión, o autor foi condenado a non aproximarse a menos de 500 metros da vítima, ademais deberá indemnizala con 5.000 euros por danos morais, tal e como solicitaba a acusación particular.