Os psicólogos clínicos alertan do déficit de especialistas en Pontevedra, coa peor ratio por paciente de Galicia
Por Redacción
A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APSCS) alertou este mércores de que a de Pontevedra-Salnés é a área sanitaria máis deficitaria en número de profesionais desta especialidade en Galicia, cun déficit do 61% de profesionais respecto ao que recomendaba a propia Consellería de Sanidade hai 20 anos.
O dato deuse a coñecer con motivo da mesa redonda 'Están atendidas as necesidades psicolóxicas da cidadanía de Pontevedra?' organizada pola asociación en Pontevedra coa presenza de Xosé María Dios Diz, médico de atención primaria e voceiro de SOS Sanidade Pública; e Rosa Cerqueiro Landín e Jose Berdullas Barreiro, psicólogos clínicos da EOXI Pontevedra e O Salnés. Tamén acudiron membros da Xunta Directiva da Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas.
Rosa Cerqueiro explicou que, para unha poboación de referencia de ó redor 307.000 habitantes, a atención psicolóxica na sanidade pública recae na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en só oito profesionais, ubicados tanto en dispositivos comunitarios como en hospitalarios. A día de hoxe, non hai atención de psicoloxía clínica en dispositivos de saúde mental tan importantes como a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica.
Este número de profesionais é "extremadamente escaso", xa que implica que só hai 2,59 psicólogos clínicos para cada 100.000 habitantes, por debaixo das medias galega (3,51 x 100.000 habitantes) e española (5,71 x 100.000 habitantes).
Esta ratio reducida prodúcese, ademais, nun contexto actual de moita demanda, pois nos últimos anos produciuse un aumento de problemas de saúde mental, nomeadamente trastornos de ansiedade e depresión, como detectan as enquisas de saúde elaboradas polo Ministerio de Sanidade, sendo Galicia unha das Comunidades con maior prevalencia observada con respecto ó Estado.
Aumentou a demanda, pero non os recursos, de maneira que o resultado é, segundo sinala Rosa Cerqueiro, que a prestación de psicoloxía clínica se volveu menos accesible ás persoas que o necesitan, e cunha intensidade e frecuencia de consultas por debaixo do que as guías de boa práctica clínica recomendan.
Jose Berdullas Barreiro sinalou a necesidade de promover estruturas organizativas e de xestión que permitan tanto unha relación directa, autónoma e transversal cos distintos servizos médicos, como unha toma de decisións autónoma respecto ás cuestións que atinxen á organización, planificación e desenvolvemento da asistencia psicolóxica dentro do sistema de saúde. Neste sentido, fixo referencia á recente petición por parte da Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas da creación dos Servizos de Psicoloxía Clínica en todas as áreas sanitarias de Galicia, que foi respaldada por unha rotunda maioría dos especialistas que exercen na sanidade pública galega.