Impresionante simulacro en Poio con dous mortos e dez feridos
Por Oskar Viéitez
Os rapaces de bacharelato chegaron con risas, pero así como avanzaba o simulacro, estaban impresionados. O responsable da Policía Local de Poio, Antonio Duarte, dixo estar seguro de ter acadado o obxectivo que era sensibilizalos da importancia das medidas de seguridade vial para previr accidentes.
Pero ademáis o simulacro serviu para avaliar a profesionalidade dos servizos de emerxencia e das forzas de seguridade. E tamén para estreitar a relación personal entre os membros das emerxencias, unha circunstancia que de seguro é moi boa por si algún día teñen que traballar conxuntamente na realidade.
Os rapaces interpretaron os seus papeis con maestría, mesmo ocupáronse da maquillaxe para darlle maior realismo á simulación.
O simulacro levou a cabo na Reiboa; déronse cita os alumnos de bacharelato do IES Poio e Colexio SEK, profesores e alumnos de Figuración de Vigo, membros da Dirección Xeral de Tráfico, efectivos do PAC e do 061 con varias ambulancias, Cruz Vermella, Bombeiros de Ribadumia e axentes da Policía Local de Poio. A empresa Desguaces Catoira achegou os vehículos sinistrados e a empresa Mydronefactory, gravou o simulacro en formato 3D grazas a un dron con cámara 4 K.
Neste accidente simulado estiveron implicados dous coches, cada un con cinco ocupantes, e unha moto con dúas persoas. Houbo dous falecidos e numerosos feridos.