Emotiva homenaxe a Arturo Fontán Bouzas, o último gran heroe de Sanxenxo
Por Alejandro Espiño
Heroes cotiáns son os que fan que o mundo sexa un lugar mellor. Persoas que coas súas actuacións desinteresadas axudan a quen o necesita. Aínda que poñan a súa propia vida en perigo. Arturo Fontán Bouzas era unha delas.
Este home, veciño de Sanxenxo, faleceu en La Oliva (Forteventura) despois de lanzarse á auga, sen pensalo nin un instante, para rescatar a unha muller que se estaba afogando nunha praia na que non había vixiantes. Ela logrou sobrevivir, pero Arturo non tivo tanta sorte.
Este acto heroico foi recoñecido este mércores pola corporación municipal de Sanxenxo. Nun pleno extraordinario, cun salón de actos posto en pé e no medio dunha sonora ovación, os seus veciños rendéronlle unha merecida homenaxe.
Fixérono en presenza de Ana e Arturo, viúva e fillo de Arturo Fontán Bouzas, que visiblemente emocionados, recibiron a medalla que o Concello outorgou pola "excepcional mostra de valor" do seu último heroe que, ademais, proximamente dará nome a unha rúa do municipio natal.
Ana, que interveu ante o pleno moi emocionada e coa voz entrecortada, agradeceu este recoñecemento e sinalou que o seu marido " non puido nacer nun concello mellor" e que nos vinte anos que compartiron xuntos "non había día que non falara de Sanxenxo".
"Eu sempre estiven orgullosa del pero demostroume que non puiden estar casada tantos anos cun home mellor", engadiu antes de fundirse nun sentido abrazo co seu fillo.
Durante o pleno, a concelleira non adscrita Vanesa Rodríguez asegurou que todos os veciños de Sanxenxo deben estar "orgullosos" de Arturo, un home que "tiña un corazón que non lle cabía no peito"; mentres que Coral González Haba quixo destacar a actitude "heroica y generosa" ao poñer a súa vida en perigo por unha persoa que necesitaba axuda.
O edil Roberto Carlos Agís, pola súa banda, lembrou os momentos que compartiu con Arturo, co que chegou a traballar, e asegurou que a súa valentía " pouca xente a tería nun momento así"; o nacionalista David Otero pediu "elevar á máxima altura" o nome do falecido e o portavoz de SAL, Gonzalo Pita, encomiou a decisión "valente" que adoptou.
Por parte do PP, a edil María Deza sinalou que o fillo de Arturo "non podía ter un mellor referente" e o alcalde, Telmo Martín, quixo poñer en valor o "heroísmo" do que fixo gala este veciño de Sanxenxo que, a partir de agora, será lembrado polos seus paisanos e pasará á historia do municipio como un gran heroe.