O colexio Montemogos de Beluso, gañador do concurso escolar da ONCE
Por Redacción
O colexio Montemogos de Bueu foi un dos gañadores da 35 edición do concurso escolar convocado pola ONCE para animar aos centros educativos a achegar ideas para converter o tempo do recreo nunha oportunidade lúdica e educativa que non provoque a exclusión por razóns de diversidade ou discapacidade.
Este colexio pontevedrés gañou o premio na categoría B, que corresponde a alumnos de quinto e sexto de Primaria.
O resto de premios foron para o colexio de Segorbe (Castelló) en terceiro e cuarto de Primaria, un centro de Benahavis (Málaga) en Secundaria e FP básica, un instituto de Alcorcón (Madrid) en Bacharelato e FP media e superior e o CEE Pauta da Comunidade de Madrid na categoría de educación especial.
O proxecto presentado polo colexio Montemogos estivo coordinado pola profesora Vanessa Fernández Carballo.
Cun traballo titulado Diversi-on, os estudantes de Bueu quixeron referirse á diversidade de nenos que hai na escola e á diversión que é xusto que obteña cada un deles durante o recreo, reflectindo coa palabra inglesa ON o modo no que se relacionan coa diversidade e a inclusión das persoas.
No mural representaron diferentes xogos que realizan durante o tempo de recreo nun quebracabezas no que todas as pezas encaixan "como encaixan todas as nenas e os nenos xogando na nosa escola", sinalan os seus responsables, un xogo que non ten límites para dar a benvida aos nenos en cada un dos recreos.
Baixo o lema "Por min e por todos os meus compañeiros", neste concurso participaron un total de 144.296 estudantes e 2.516 profesores de 1.977 centros educativos de todo o territorio estatal, traballando de maneira activa o cambio de actitudes e a actuación dos estudantes para manter unha convivencia respectuosa.
Os estudantes de Primaria e Especial realizaron un cartel que reflicte as súas pautas para fomentar e reivindicar a diversidade e inclusión no recreo, mentres que os escolares da ESO, FP e Bacharelato gravaron un videoclip musical, dun minuto de duración, xunto a un pequeno guion.
Os gañadores desta edición gozarán durante unha fin de semana en Madrid do campus "Por min e por todos os meus compañeiros", unha xornada de convivencia que incluirá varias visitas culturais e talleres sobre igualdade e respecto.