Afectados polas preferentes 'venden' Novagalicia Banco na Illa de Arousa
Por Natalia Puga
A sucursal de Novagalicia Banco na Illa de Arousa está á venda. Iso é o que poden pensar os cidadáns que pasen diante da oficina dende esta noite. As fiestras e a porta están empapeladas co mesmo cartel de 'Se Vende' que pende de cada vez máis negocios e propiedades inmobiliarias.
A entidade bancaria non decidiu pechar a súa oficina na localidade arousana. As instalacións foron vítimas dunha nova (e orixinal) protesta da Plataforma de Afectados pola comercialización de participacións preferentes e outros productos financieiros tóxicos.
"Este venres pola noite decidimos colocar na sucursal de Novagalicia da Illa uns carteis de 'Se vende'. O motivo é denunciar unha vez máis a falta de información que temos por parte do banco, sobre os criterios que siguen para chamar á xente e sobre o futuro da entidade", exprican dende o coletivo de afetados.
Na súa opinión, é "lamentable que despois de colocar os nosos aforros en productos de risco se neguen a darnos información" e queixanse de que "os únicos datos que tempos son os que podemos ler na prensa".
Esta falta de información que denuncian provocan que "moita xente estea desesperada, hai persoas que levan esperando moitos meses unha resposta relativa a súa petición de arbitraxe" e os afectados consideran que "as persoas que non van a ser aceptadas na arbitraxe están perdendo moito tempo porque xa poderían ter as denuncias presentadas no xulgado".
Ante estes argumentos, aproveitan para reiterar unha solicitude que levan feito en numerosas ocasións nas últimas semanas: "que lle comuniquen á xente si aceptan as súa solicitudes de arbitraxe ou non" para que poidan decidir se queren acudir á vía xudicial.