O arrastreiro marinense 'Portomayor' está retido desde mediados de abril en Guinea Conakry
Por Oskar Viéitez
O arrastreiro 'Portomayor' da armadora de Marín Estévez Liño atópase retido desde o pasado 17 de abril no país africano Guinea Conakry con dous galegos entre a súa tripulación, o armador do propio barco Óscar Estévez, veciño de Vilanova de Arousa, así como o capitán do mesmo Alberto Padín Budiño, veciño de Catoira.
O buque, de 35 metros de eslora, operaba nese país cunha licenza privada que establece que unha porcentaxe das capturas teñen que ser desembarcadas e vendidas a axentes locais, segundo informaron desde a Asociación Nacional de Armadores de Buques Conxeladores de Pesca de Cefalópodos (Anacef).
O ministro de pesca guineano, Frederic Loua, ordenou a retención do barco español ata que non se resolva o litixio existente entre a armadora e o seu consignatario guineano Sopic sarm, a causa da falta de pagamento duns 75.000 dólares polas capturas desembarcadas, segundo fontes da Delegación do Goberno en Galicia.
O Ministerio de Asuntos Exteriores asegurou que están a facer as xestións necesarias para resolver a situación do 'Portomayor', con porto base nas Palmas, e que conta cunha sentenza fallada ao seu favor pola xustiza de Guinea Conakry. Segundo apuntaron outras embarcacións de distintas nacionalidades tiveron o mesmo problema con esta compañía local.