Portas estrea o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza
Por Redacción
Os mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra veñen de poñer en marcha o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Concello de Portas. Está instalado nas inmediacións da Azucareira e dará servizo ao centro de día, á escola infantil e a varias vivendas dos arredores, que deberán depositar alí o seu lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) en lugar de levalos aos colectores verdes.
Nestes primeiros días está previsto só recibir os restos das comidas do cátering do centro de día de maiores e da cociña da ‘Galiña Azul’, dous produtores singulares que xa teñen información sobre o funcionamento e o proceso da compostaxe.
Nas vindeiras xornadas comezará a campaña informativa para a veciñanza da man dos mestres composteiros, que tanto no propio centro de compostaxe como porta a porta irán explicando todo sobre compostaxe, aclarando as dúbidas que poidan xurdir sobre o funcionamento do centro comunitario e o proceso que pasa o lixo orgánico para converterse en compost.
Dado que o Concello de Portas é practicamente rural e non existen edificacións en altura, o centro de compostaxe da Azucareira será un dos poucos que se poderán instalar con estas características. O resto da veciñanza, de seguir adiante o goberno local coa iniciativa, farase a través de composteiros individuais para as casas con horta.
O Concello de Portas é un dos adheridos ao Plan Revitaliza da Deputación para comezar a tratar os biorresiduos en proximidade, isto é, alí onde se producen, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos, xa que os concellos aforran o custe da recollida da parte orgánica do lixo – máis do 50% da bolsa–, o seu transporte ata a planta de incineración, e tamén o propio tratamento.
Hai que lembrar que no ano 2020 a normativa europea obrigará a recoller o 100% da fracción orgánica do lixo de maneira separada para tratala de maneira sustentable, obxectivo que a día de hoxe poucos concellos están en condicións de cumprir e que a Deputación está a facilitar co seu plan de compostaxe.
Relacionadas:
-
Portas incorpora 72 novos contedores para a mellora da recollida selectiva de lixo
Por Redacción |
-
Aprendendo a compostar desde cativos
Por Redacción |
-
Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Campo Lameiro estrea o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción |