O Concello prevé contratar unha empresa para xestionar a cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal non se resigna a que a cafetería da Praza da Liberdade siga pechada. Por iso, tras quedar deserto o concurso público para a súa xestión, o Concello decidiu contratar directamente a unha empresa que asuma estas instalacións municipais.
Será a través do procedemento coñecido como negociado sen publicidade, mediante o cal se convidará a tres empresas para que presenten as súas ofertas e o Concello decidirá a que mellor se axuste aos seus intereses.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, lembrou que o novo contrato estenderase por quince anos, cunha posible prórroga de tres máis. A concesionaria tería que pagar un aluguer mensual duns 1.000 euros e, ademais, asumir máis de 100.000 euros en obras para adaptar á cafetería ás diferentes normativas.
"Intentaremos que saia desta volta", sinalou a edil do BNG, que asegura que esta cafetería é "importante" para a dinamización desta zona da cidade. Para a súa xestión, asegurou, hai varios interesados que esperan que concreten as súas ofertas.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a firma de senllos convenios no ámbito social. Será coas entidades Down Pontevedra Xuntos e San Vicente Paúl, responsable esta última do albergue Calor e Café para a atención de persoas sen teito.
En concreto, o Concello concede 9.000 euros a Down Pontevedra Xuntos para colaborar nos programas de logopedia e apoio educativo aos usuarios desta asociación; mentres que 23.000 euros serán para que Calor e Café teñan máis medios para ampliar os servizos de pernoita, almorzo e aseo persoal que ofrece a aqueles que non teñen fogar.
O goberno municipal tamén deu o visto e prace a dúas novas obras que executará Viaqua no marco do novo contrato de saneamento e abastecemento de auga. Trátase da ampliación da rede de rede de sumidoiros no Xistro (Salcedo) e da ampliación na rede de abastecemento desde a arqueta de Casal, tamén en Salcedo.
Supoñerá un investimento de 65.214 euros e adiantarase a súa execución para aproveitar as obras de mellora da seguridade viaria que se están realizando actualmente na parroquia. Así, instalaranse as tubaxes que garantirán, nunha segunda fase, a conexión cos servizos de auga potable e saneamento.
Relacionadas:
-
A cafetería da Praza da Liberdade será reformada para acoller un local social que xestionará a Federación Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide a "posta a punto" da cafetería da Praza da Liberdade, en estado "calamitoso"
Por Redacción |
-
A zona cero da praza da Liberdade segue a deteriorarse á espera da reapertura da súa cafetería
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Queda deserta a adxudicación da cafetería da Praza da Liberdade
Por Alejandro Espiño |
-
Unha soa empresa opta a reabrir a cafetería da praza da Liberdade
Por Natalia Puga |