Lección de igualdade do alumnado do colexio Toural de Vilaboa
Por Redacción
O alumnado do colexio do Toural, de Vilaboa, presentaron este luns un mural-graffiti elaborado polo curso de sexto de Primaria e primeiro da ESO baixo o título "Iguais".
Ao acto acudiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a Digna Rivas, deputada de Cohesión Social, pechando con esta actividade o traballo realizado no centro educativo ao abeiro de "DepoRúARTE", o programa educativo da institución provincial.
O CPI do Toural forma parte da Rede de Escolas Asociadas da Unesco e vén de ser galardoado co X Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer", un recoñecemento ao traballo do centro para alcanzar unha escola sensible e centrada na educación en valores e a cultura de paz.
A actividade de "DepoRúARTE" no CPI Toural de Vilaboa estivo composta por unha sesión formativa impartida pola pedagoga Adriana Castro e unha xornada de elaboración colaborativa do mural-graffiti.