Reclaman máis control das medidas de accesibilidade na execución das obras
Por Oskar Viéitez
A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, Amizade, reclama máis control na execución das obras.
Amizade recoñece a aposta que o Concello de Pontevedra fai pola accesibilidade pero lamenta que en "demasiadas ocasións" se produzan "erros de deseño ou de execución" que dan lugar a resultados "manifestamente mellorables".
Insiste a asociación en que as prazas de estacionamento reservado non sempre cumpren coas medidas esixidas legalmente e os accesos desde a zona de estacionamento ata a beirarrúa en ocasións tamén presentan pendentes excesivas ou mesmo carecen dos mesmos.
Por outro lado, algo que preocupa en especial ás persoas con mobilidade reducida son os itinerarios peonís alternativos que se colocan mentres duren as obras de acondicionamento de diferentes rúas ou prazas e que "adoitan ter bastantes problemas de accesibilidade e a realidade amosa que non se lle presta unha correcta atención ao mantemento provocando diversas caídas".
E algo que cobra especial importancia para as persoas con discapacidade visual usuarias de bastón guía son os pavimentos diferenciados, tanto de advertencia como de encamiñamento, "que en ocasións non se colocan de maneira regulamentaria".
Amizade fai especial mención do pavimento colocado no entorno da reforma da rúa Virxe do Camiño, "onde se elixiu un tipo de pavimento que incumpre varios parámetros legais como poden ser a distancia entre os botóns ou a diferenza cromática co resto da beirarrúa". Amizade reclama que se substitúa este pavimento por outro modelo "que si contemple todas as esixencias legais e que sexa realmente útil para as persoas que despois necesiten deste pavimento para a súa orientación".
Desde a asociación ínstase ao concello a que estableza os mecanismos de control necesarios para evitar todos os inconvenientes citados, "de maneira que as boas intencións que inicialmente existan por parte do goberno municipal non se vexan empañadas por unha deficiente execución e control", conclúen.