Un xulgado investiga por acoso unha pontevedresa que chegou a botar aceite na auga da piscina da súa vítima
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra mantén aberta unha investigación contra unha pontevedresa á que se atribúe o acoso continuo a un home ao que chegou a abordar no seu domicilio e o seu lugar de traballo e en cuxa piscina presuntamente chegou a botar aceite.
As investigacións realizadas ata agora polo xulgado permitiron atopar indicios para investigala por uns feitos "dirixidos a perturbar e alterar o normal desenvolvemento da vida" da súa vítima, un home que decidiu denunciar o acoso que presuntamente estaba a sufrir.
Segundo as dilixencias practicadas polo xulgado, hai indicios de que se presentaba de maneira reiterada no seu domicilio, "negándose en ocasións a abandonalo ameazándoocon denuncias por malos tratos, solicitando, nalgún caso, entregas de diñeiro".
Coa mesma finalidade de alterar a vida da súa vítima, segundo as conclusións xudiciais, tamén se presentaba no seu lugar de traballo, causando danos nas xanelas ou vertendo aceite na auga da piscina.
A pesar de que a investigada recorreu á Audiencia Provincial para que se arquivase a súa causa, a Sección Cuarta do tribunal provincial desestimou a súa pretensión, de modo que o procedemento seguirá o seu curso. De momento, segue en fase de instrución.