Despois da tregua dos mundiais de tríatlon... volve a choiva
Por Redacción
O bo tempo do que gozou Pontevedra durante as últimas semanas, e que respectou por completo a celebración dos mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival, ten xa as horas contadas. A partir da última hora deste luns, volve a choiva ás Rías Baixas e a toda Galicia.
Segundo a información facilitada por Meteogalicia, este luns agárdanse ceos con nubes e unha posibilidade de choiva que irá medrando a partir que avance a xornada. Agárdase que empecen a caer durante a noite deste luns a este martes.
En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con mínimas que ascenderán moderadamente e máximas que descenderán notablemente, oscilando entre 9 e 21 graos.
A partir do martes, as Rías Baixas, ao igual que o resto de Galicia, quedarán baixo influencia das baixas presións, con réxime de ventos de compoñente sur que deixarán unha probabilidade alta de precipitacións e ventos fortes do sudoeste.
As precipitacións do luns continuarán martes e mércores. Este martes unha borrasca achegarase polo Atlántico, no seu camiño cara ás Illas Británicas, de maneira que agárdanse ceos anubrados con chuvias máis febles pola mañá pero aumentando en intensidade. Pola noite hai previsión dunha fronte moi activa e o mércores será unha xornada de intervalos anubrados con chuvascos intermitentes.
As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso este martes, ata os 12 graos, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso, ata os 19 nas Rías Baixas. Xa este mércores, as temperaturas mínimas non terán cambios, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso, baixando ata os 17.
Cara á fin de semana podería recuperarse novamente a influencia anticiclónica con circulación do nordés e con ascenso de temperaturas.
Relacionadas:
-
Chega unha fin de semana de praia con temperaturas que se achegarán aos 30 graos
Por Redacción |
-
Os eventos que se celebrarán durante a fin de semana contarán cun tempo de verán
Por Olaya Madrigal |
-
Os termómetros acadan os 29,5 graos e empuxan a veciños e turistas ás praias
Por Redacción & Diego Torrado |
-
As temperaturas achegaranse aos 30 graos nas Rías Baixas este sábado de Semana Santa
Por Redacción |