A política social, eixo do proxecto de En Marea Ponte Caldelas de cara ás eleccións municipais
Por Redacción
Roi Márquez presentouse esta fin de semana como número un de En Marea Ponte Caldelas á Alcaldía do municipio nas próximas eleccións do 26 de maio e deu a coñecer a lista que o acompañará e os eixos do seu programa electoral.
A presentación contou coa presenza da candidata de En Marea ao Parlamento Europeo, Lidia Senra, e da integrante da marea Gañemos Vilanova Adela Vidal, que presentou o acto.
Durante a súa intervención, Roi Márquez destacou que o seu é un proxecto que abarca non só a Ponte Caldelas, "senón tamén a todos os pobos veciños, a toda a comarca" e que o seu obxectivo é "defender os intereses dende a xente e para a xente".
Ademais, deu a coñecer que os eixos do seu programa serán a política social e "artellar solucións ás inquedanzas da veciñanza de Ponte Caldelas".