O Foro da Auga de Caldas demanda a elaboración dun informe global sobre o saneamento en Galicia
Por Redacción
O Foro da Auga organizado este sábado pola eurodeputada Ana Miranda e que congregou en Caldas de Reis un nutrido grupo de asociacións e plataformas medioambientais na defensa do dereito á auga e o seu saneamento rematou coa conclusión de que é necesario elaborar un informe global sobre o saneamento en Galicia.
Os participantes instaron ás administracións a "non negar os problemas e poñer solucións enriba da mesa" e remarcaron a necesidade de elaborar ese citado informe global sobre o saneamento da auga en Galicia que recolla todos os datos e situacións de falta de saneamento. Ana Miranda demanda que é necesario que estea preparado para o próximo período de sesións do Parlamento Europeo que sairá das eleccións do próximo 26 de maio.
"É o momento histórico axeitado, polo cambio que vai haber", explicou Miranda, quen salientou que ese informe debe recoller os diversos puntos de vista das plataformas medioambientais e de defensa da calidade das augas, tanto das rías como dos ríos. O informe da auga debe ter unha visión global, desde todas as perspectivas do país, xa que "o problema é o mesmo en toda Galiza: o incumprimento da lexislación".
A eurodeputada do BNG valorou moi positivamente a celebración do Foro e resumiu que o incumprimento das leis medioambientais da auga e, como consecuencia, as perdas económicas que se derivan da falta de saneamento integral son os elementos comúns que denuncian os colectivos.
Na súa opinión, o Foro da Auga pode ser unha "ferramenta de ponte" entre as distintas plataformas, asociacións e colectivos para que poidan a fondar na colaboración e o apoio entre elas.
Os representantes dos diferentes colectivos participantes na xornada afondaron en problemas como o incumprimento da Directiva Marco da Auga, a falta de saneamento integral, os vertidos incontrolados ou a contaminación causada por Ence ou distintas bacterias. Entre outros, tomaron a palabra o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira; da Plataforma en Defensa da Ensenada de San Simón, Antonio Lores; da Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra, Antía Masa; a expresidenta das Mariscadoras de Cambados, María Xosé Cacabelos; a Plataforma en Defensa do Río Verdugo, Fernando Malvar; e a Plataforma Antiencoro do Umia, Paloma Fernández.
Dos problemas concretos da falta de saneamento e as súas consecuencias negativas nas economías locais de Culleredo (Ría do Burgo), Cuntis, Noia, Vilagarcía e Viveiro, falaron Tono Chouciño, Manuel Fariña, Ricardo Suárez, Lucía Veloso e Seve Salgueiro, respectivamente, todos expertos no eido do saneamento, ben polo seu traballo no respectivo concello ou polos seus traballos de investigación.