O PSOE conxúrase aos resultados do 28A como garantía de que nas municipais o cambio chegará a Sanxenxo
Por Redacción
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, arroupou este sábado a Ainhoa Fervenza na presentación oficial da candidatura que a acompañará como alcaldable en Sanxenxo de cara ás próximas eleccións municipais do 26 de maio. Ao seu carón estivo tamén unha boa representación de cargos históricos do partido no municipio, algúns deles pertencentes a corporación que nos 90 conseguiu gobernar a vila.
A presentación da candidatura que preside Fervenza tivo lugar nun salón do Hotel La Terraza de Sanxenxo que estivo ateigado de afiliados e simpatizantes socialistas.
Ainhoa Fervenza presentou ao seu equipo coa vista posta en desaloxar a Telmo Martín da Alcaldía e asegurou que "estou onde teño que estar, no PSOE", aludindo a outros candidatos "que hoxe están aquí e mañá alá".
"Sei que as persoas que me acompañan nesta candidatura comparten comigo os valores do PSOE", explicou Fervenza, "o partido que constrúe un futuro de dereitos".
Presentouse como "a alternativa natural" a gobernar Sanxenxo e como "peza angular do próximo goberno", que está convencida que vai relevar a Telmo Martín, un alcalde ao que acusa de presumir de querer moito á vila "e non facer nada".
A deputada autonómica Patricia Vilán sinalou que o PSOE "sigue a ser exactamente o mesmo partido que fai 140 anos fundou Pablo Iglesias en Casa Labra" mentres outros partidos "cambiaron de nome" en innumerables ocasións e Gonzalo Caballero mostrou a satisfacción dos socialistas "polo traballo feito o pasado 28A".
"A sociedade galega xa non está na dereita, hai un cambio político no país que está farto dos 10 anos de Feijóo", apuntou o máximo dirixente do socialismo en Galicia, convencido de que ese cambio "tamén chegou a Sanxenxo", cun crecemento de voto que, asegura, achega tamén o final do mandato de Telmo Martín. "Entre todas e todos fixemos algo histórico, e temos que seguir a facelo nestas eleccións municipais", finalizou.
Gonzalo Caballero puxo o foco en que "Sanxenxo necesita un cambio en positivo" encabezado por Ainhoa Fervenza e destacou da candidata que é "unha muller comprometida, que traballou para que Pedro Sánchez fose secretario xeral e para revitalizar o PSdeG, e que agora está dando o mellor de si para dar futuro a Sanxenxo".