A Garda Civil detén unha parella sospeitosa de roubar en varios comercios tras romper os cristais cun sumidoiro
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer a autoría de varios roubos cometidos nas últimas semanas na localidade de Vilanova de Arousa. En todos eles, o modus operandi era o mesmo: os ladróns fracturaban o cristal das xanelas ou expositores dos comercios utilizando unha tapa de sumidoiro das que se atopaban nas inmediacións do local.
A investigación comezou o pasado mes de marzo e bautizouse como 'operación sumidoiro', en alusión ao obxecto presuntamente utilizado polos ladróns. A Garda Civil deuna por finalizada esta semana coa detención 'in fraganti' dunha parella veciña de Vilanova de Arousa.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, os dous detidos foron sorprendidos co botín subtraído no interior dunha tenda de roupa situada no núcleo urbano de Vilanova de Arousa. Tras a súa detención, foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa, que decretou a súa posta liberdade provisional en calidade de investigados.
Os detido son un home de 26 anos ao que se lle atribúe a autoría dun total de cinco roubos con forza en establecementos públicos, dous en domicilios e o furto de uso de vehículo a motor; e a súa parella sentimental, da mesma idade e que supostamente participou nun roubo con forza nun establecemento.
As investigacións iniciáronse ao detectarse un incremento de roubos en establecementos públicos no centro urbano de Vilanova de Arousa. Os efectos subtraídos en todos os casos era a recadación das máquinas rexistradoras, excepto nunha tenda de fotografía na que, ademais, levaron teléfonos móbiles e un computador, que foron recuperados na súa práctica totalidade.
Os obxectos roubados están valorados nuns 6.000 euros e os danos en 2.500 euros.