O novo tramo de senda peonil entre Major e Portonovo mellorará o acceso ás praias e as paradas de autobús
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia acaba de formalizar o contrato para a execución das obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-308 no tramo comprendido entre Major e Portonovo, en Sanxenxo.
Os traballos foron adxudicados á empresa Arias Infraestruturas S.A por un importe de máis de 2,5 millóns de euros e teñen un prazo de execución duns 12 meses, de maneira que estarán listos paro o verán de 2020.
Segundo a información facilitada pola Xunta, aproveitarase a actuación para realizar intervencións complementarias que redunden en maior seguridade viaria, incluíndo a mellora nas principais interseccións de acceso ás praias neste treito Major-Portonovo, coa execución de novas glorietas e habilitando cambios de sentido.
Ademais, ampliaranse as paradas de autobús, para que os vehículos non teñan que parar na estrada interferindo a circulación, e instalaranse sistemas de recollida de augas e canalizacións que permitan, nun futuro, a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.
Esta nova senda afecta a cinco quilómetros da estrada PO-308 e supón dar continuidade aos dous tramos que xa están en servizo no municipio de Sanxenxo, entre a praia da Lanzada e Major. Unha vez rematada esta intervención, haberá 11 quilómetros de itinerarios seguros nesta vía tan empregada no verán para o acceso ás praias.
Ademais, co remate deste último tramo, o municipio de Sanxenxo contará cunha senda continua polo lado do mar, de preto de oito quilómetros de lonxitude, desde A Lanzada ata Portonovo. A maiores, as sendas pola marxe dereita da estrada á saída de Portonovo e no treito entre Major e A Lanzada suman máis de tres quilómetros.
Relacionadas:
-
A senda peonil e ciclista entre A Lanzada e Soutullo, na estrada PO-308, estará lista no verán
Por Redacción |
-
O paseo entre A Lanzada e Portonovo terá unha nova senda para peóns e ciclistas de 1,2 quilómetros
Por Redacción |
-
Reclamarán a ampliación das beirarrúas na PO-308 ao seu paso pola Lanzada
Por Redacción |