Moraña cubrirá os contedores e instalará nova sinalización turística
Por Redacción
O Concello de Moraña vai desenvolver unha nova fase do seu plan turístico coa realización dun investimento en infraestruturas para o embelecemento dos bens de interese e das súas contornas, a través da instalación de once cubre-contedores de madeira tratada, e coa colocación de 34 fitos de sinalización informativa.
Ademais, e no marco desta actuación, tamén están programados novos roteiros polo municipio para darlle continuidade ao programa "Movémonos por Moraña" que tan boa acollida tivo o pasado ano.
Serán dúas novas rutas que se celebrarán no outono e cuxa data definitiva está por determinar. As camiñadas dirixiranse polas parroquias de Laxe e Lamas para contemplar Ponte Briones e, por outra banda, pola contorna de Rebón con visita aos Muiños das Laxes.
O Concello vai investir 53.000 euros, que serán cofinanciados por Turismo de Galicia cunha aportación de 34.000, no plan de embelecemento e sinalización dos principais puntos de interese do termo.