Chega unha fin de semana de praia con temperaturas que se achegarán aos 30 graos
Por Redacción
As Rías Baixas continúan coa influencia das altas presións centradas ao noroeste de Galicia. Segundo Meteogalicia, agárdase unha xornada de ceos pouco anubrados ou despexados en xeral. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, situándose entre os 10 e os 25 graos, con ventos que soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral, con intervalos moderados no litoral.
Este sábado 4 continuarán as altas presións que proceden dos Azores ata Islandia. Os ceos permanecerán pouco anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas roldarán os 8 graos e as máximas subirán ata situarse nos 28 graos. Os ventos soprarán frouxos do nordés, con intervalos entre moderados e fortes na zona costeira.
O domingo vai manterse a estabilidade atmosférica. Agárdase unha xornada de ceos pouco anubrados ou despexados con temperaturas que se manterán entre os 9 e os 27 graos. Os ventos serán variables con réxime de brisas na contorna das Rías Baixas.
As baixas presións, que se achegan desde o Atlántico, comezarán a presentarse na provincia a partir do luns 6 de maio. Agárdanse ceos con máis nubes cara a zona oeste, con posibilidade de chuvias débiles sobre todo entre a noite do luns ao martes. Haberá unha baixada das temperaturas máximas para que se sitúen entre os 9 e os 21 graos. Os ventos soprarán do suroeste, moderados no litoral e frouxos no interior.