Viascón agarda recibir 1.200 comensais na súa sexta Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto
Por Redacción
Xa está todo preparado en Viascón para a celebración, o domingo 12 de maio, da sexta edición da súa Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto. Os organizadores agardan recibir 1.200 comensais, segundo explicaron este venres na súa presentación.
Ata o momento xa se venderon 500 boletos para o xantar popular, que ten un prezo de 18 euros e inclúe carne con patacas, viño ou auga, pan, café e rosca.
Ademais, seguiranse a vender os convites nos vindeiros días, ata esgotar existencias, en oito puntos da bisbarra (Casa Manolo, Supermercado Tenorio, Carnicería O Agro, Ferretería Blanco, Bar Hermida, Comercial Sívar, Agrícola Meaño e Agrícola Casal) e a través de Abanca.
A festa celebrarase baixo unha gran carpa que se instalará na contorna da Casa do Pobo e da igrexa parroquial de Viascón.
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destaca o esforzo da comisión organizadora e loubou "o seu traballo e inxenio para obter tanto tirón de xente e consolidar de xeito importante unha festa en apenas cinco edicións".
Considera que este tipo de citas gastronómicas, das que Cerdedo-Cotobade ten un amplo calendario ao longo do ano con ata oito citas, "contribúen a atraer moita xente e son un atractivo máis do noso concello xunto co medio natural".