Barro celebra este domingo a cuarta edición da súa baixada de carrilanas
Por Redacción
As carrilanas volverán a baixar por Barro a toda velocidade. O lugar de Campodeira, en Perdecanai, acollerá este domingo 5 de maio a cuarta edición da súa Baixada de Carrilanas, unha proba consolidada do circuíto galego que xa forma parte obrigada da programación deportiva municipal.
Trátase dunha proba puntuable para o campionato galego da Federación de Deportes de Inercia e disputarase nun circuíto de 1,9 quilómetros.
Os organizadores agardan unha participación de arredor de medio cento de carrilanas, inscritas en nove categorías.
As verificacións dos vehículos, entre as 11:00 e as 12:30 horas, realizaranse na contorna do Pazo da Crega, en San Antoniño.
A competición, que dará comezo ás 15:30 horas, celebrarase no circuíto habitual dende Campodeira ao lugar do Outeiro, na parroquia de Perdecanai. Durante a tarde está previsto realizar unha baixada de adestramento, dúas quendas cronometradas e unha de exhibición.