O mapa de Pontevedra, a vista de Barbie
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Ola! Son Elisa, #Pontevedresa, artista, coleccionista e directora de arte publicitario. Nesta conta podes visitar Pontevedra coas fotografías das miñas Barbies".
A carta de presentación non pode ser máis descritiva do contido que atopará todo internauta que se deixe caer polas contas de Instagram, Facebook e Twitter 'barbies_de_pontevedra'. A frase é, en realidade o contido da primeira publicación que realizou a súa autora hai xa preto de oito meses. Desde entón, decenas de publicacións, todas escritas en galego, español e inglés, foron deseñando un mapa da cidade, da Pontevedra diversa, igualitaria e multicultural pola que lle gusta deixarse ver ás 35 bonecas de Elisa Cotelo.
Xente que coñece Pontevedra ou é natural de aquí, pero á que a vida non permite gozar das súas rúas a diario; xente que si estivo na cidade algunha vez e namorou dos seus recunchos; e xente que nin sequera a coñece e está a familiarizarse con ela a través dos lugares que amosan as barbies. Eses son os tres perfís de usuarios que teñen as contas de Elisa e aos que van dirixidas todas as súas publicacións desde que un non tan afastado 20 de setembro de 2018 decidiu "ir debuxando un mapa con esas bonecas que puidera servir a outras persoas para visitar a cidade dunha forma distinta".
PontevedraViva estivo esta semana con Elisa, a moza de 25 anos de Monte Porreiro que está detrás desta conta. Filla dunha gran coleccionista de bonecas e ela mesma coleccionista tamén desde hai dous anos decidiu poñer en marcha este proxecto para xuntar as súas dúas paixóns: a fotografía e as súas bonecas.
En realidade, levaba xa tempo poñendo os cimentos deste 'Barbies de Pontevedra' cando finalmente deu o paso de amosalo ao mundo, pois, desde que empezou a coleccionar as súas bonecas gustáballe sacarlle fotos ao aire libre e un bo día deuse conta de que tiña moitas imaxes en distintos puntos da cidade que a ela lle gustaban e apostou por dar o paso e comezar a "debuxar un mapa coas imaxes".
As localizacións son do máis variadas, desde rúas do centro como Benito Corbal, Doce de Novembro ou a avenida de Bos Aires; a prazas como A Ferrería, A Peregrina ou a praza de España; espazos naturais como a praia fluvial do Lérez , o miradoiro de Monte Porreiro ou a Illa das Esculturas; espazos máis afastados do centro como unha hípica de Marcón ou o Pazo de Lourizán. Calquera recuncho de Pontevedra é susceptible de acabar retratado cunha das súas barbies diante, sempre co obxectivo de que "se poida ver de todo".
Os espazos van variando e as súas barbies tamén, tanto a vestimenta que levan como a propia boneca en si, pois Elisa ten unha colección de 35 entre as que impera a variedade e coas que, de paso, rompe tópicos. A persoa que chegue por primeira vez ás súas contas non debe pensar que se vai atopar coa Barbie hiper delgada, loira e con proporcións imposibles de décadas atrás, pois na actualidade a empresa Mattel diversificou os seu modelos e esta moza pontevedresa esfórzase por que as súas bonecas retraten unha sociedade diversa, afastada de estereotipos e o máis moderna posible.
As 'barbies de toda a vida' a Elisa "non me volven moi tola". De pequena xogaba con elas e encantábanlle, pero hai xa tempo que se deu conta de que "xa non nos representan", pois "son corpos antigos, son todas moi parecidas, son todas loiras, asociadas máis ás ideas que teñen as persoas do que é Barbie, pero Barbie, xa é outra cousa" . As que ten elas son asiáticas, negras e caucásicas; co pelo loiro, azul ou negro; delgadas e 'curvies'. En definitiva, "representan máis a sociedade de hoxe en día".
Esa variedade non é casual, senón que Elisa aproveita as súas publicacións para "dar o meu punto persoal e defender algunhas ideas". "Non só é un proxecto lúdico, é un proxecto cultural e tamén ten as súas reivindicacións", explica esta moza titulada en Belas Artes e cun máster en Dirección de Arte Publicitaria.
Os fins reivindicativos empezan xa desde o uso de tres linguas en todas as publicacións, pois, aínda que non é galego falante "me parece que é moi importante reivindicalo e que non se perda" e pasan polo contido de cada unha desas imaxes, nas que esta mesma semana se puido ver unha das súas barbies exercendo o seu dereito ao voto e animando ao resto da cidadanía a facelo co texto: "Sexas do partido que sexas, participa. Dende Pontevedra tamén exercemos o noso dereito a voto".
Nos últimos meses tamén se implicou con causas como a conmemoración do Día da Muller e a folga feminista do 8 de marzo, xornada na que as súas bonecas tamén saíron á rúa a manifestarse e deixaron escrito "Os dereitos das mulleres non se negocian!". Días antes xa reivindicara a igualdade cunha imaxe de cinco das súas bonecas e un Ken (si, tamén ten a versión masculina en formato delgado e 'curvie') e a mensaxe: "a igualdade radica na harmonía da diversidade e nas diferenzas entre as persoas, que fan que a nosa cultura sexa máis rica e plural".
"En Pontevedra gozamos da presenza de moitas culturas, etnias e relixións, e quizáis por iso aquí calquera pode sentirse en casa", engadía aquela publicación, apostando de novo por unha sociedade multicultural, igualitaria e diversa desde as súas barbies, bonecas que tamén se posicionaron, desde o parque Amalia Álvarez en apoio da recuperación da memoria histórica e das mulleres viúvas que, coma ela, "sufriu a represión franquista por sacar a súa familia e a súa carreira adiante".
Non hai nada que se lle escape ás bonecas de Elisa, que sempre adoita levar unha no bolso para non perderse nada e intenta retratar a actualidade da cidade. Fíxoo no enterro do Loro Ravachol e está a facelo estes días cos mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival. Unha barbie pantalón curto, camiseta, dorsal e mesmo proteccións nos xeonllos foi gozar da competición: "Corre a vela!".