Bueu prepárase para facer fronte aos incendios forestais
Por Redacción
O goberno local de Bueu encargou os traballos técnicos para elaborar un plan de actuación municipal (PAM) para intervir ante o risco de incendios forestais. Este proxecto conta cun importe de 15.000 euros con cargo ás arcas municipais.
O concelleiro de Urbanismo Martín Villanueva sinala que este plan servirá como guía para comprobar a superficie afectada e adoptar decisións atendendo ás condicións.
Manuel Peixoto, enxeñeiro forestal e Jaime Curral, director de seguridade son os encargados de elaborar este traballo no que se analizan 12.083 parcelas afectadas. No plan recolleranse as intervencións para evitar que se rexistren incendios forestais e que, no caso de que sucedan, os danos sexan mínimos. Estúdanse as condicións dos terreos, as redes secundarias de xestión de biomasa, os riscos existentes, a activación do plan segundo o perigo, a organización dos responsables municipais e as normas de actuación para cada un dos integrantes dos grupos de intervención.
Con estes traballos, o Concello de Bueu pasa a sumarse ao convenio coa Consellería do Medio Rural. A Xunta prestará apoio técnico para a xestión da biomasa dos propietarios que se vexan afectados no Plan.