A Xunta mellorará as escaleiras para acceder á praia da Carabuxeira
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este xoves os traballos de execución de novas beirarrúas na PO-308 en Sanxenxo que acaba de iniciar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Cores Tourís estivo acompañado do alcalde da localidade, Telmo Martín, e do xefe territorial de Infraestruturas en Pontevedra, José Luis Díez, así como técnicos deste departamento e da empresa de cara a explicar o plan de obra.
Estes traballos teñen como obxectivo continuar coas melloras de seguridade na PO-308 (Pontevedra-A Lanzada), entre os quilómetros 15+940 e 15+960, dentro do termo municipal de Sanxenxo.
Os traballos consistirán no desvío necesario das instalacións grapadas ao pontón, a retirada da baranda existente e a demolición dos actuais peches. A continuación, executarase a estrutura, cunha dimensión de 1,20 metros de ancho e unha luz de 12,50, que contará con espaldóns de apoio en ambos extremos e losas alveolares, pavimentos e novas barandas. O pavimento de acabado será similar ao existente na beirarrúa colindante á actuación.
Tamén se demolerán as escaleiras existentes de acceso á praia da Carabuxeira e, no seu lugar, executaranse unha novas en formigón armado, cumprindo coa lei de accesibilidade. Esta escaleira irá adosada ao edificio de vivendas. Os traballos finalizarán co axuste da rasante destas escaleiras para baixar á praia e unha nova sinalización horizontal para marcar o espazo de aparcadoiro.
Estas obras non necesitaron expropiacións ao executarse sobre dominio público da estrada, aínda que sí foi necesario o permiso do servizo de Costas por estar próximo á praia. Neste senso, o delegado territorial e o alcalde de Sanxenxo agradeceron ao hotel El Puente, situado ao carón destas obras, que cedera algúns metros cadrados para mellorar o proxecto de execución da obra. O orzamento é de 35.557 euros e o prazo de execución de tres meses.