O socialista Kiko Costa propón un goberno "eficiente e responsable" para Vilaboa
Por Redacción
O PSdeG-PSOE de Vilaboa presentou este sábado a candidatura completa para as eleccións municipais, un equipo, encabezado por Kiko Costa, candidato e actual concelleiro de Medio Ambiente e Deportes, conformado por "persoas de contrastada experiencia e por caras novas, un gran equipo con alta cualificación, con gañas de responder á confianza dos veciños e veciñas e de facer as cousas aínda mellor".
Pecha a candidatura o actual alcalde, José Luis Poceiro, que remata así 20 anos continuados de traballo ao servizo de Vilaboa.
"Máis alá de falsas promesas e dos grandes proxectos, propoñemos ante todo orde, traballo, coherencia e planificación, para ter un goberno municipal eficiente e responsable, que actúe escoitando á xente, e facendo que esta participe no día a día municipal, gobernando con racionalidade e cooperación", subliñou Kiko Costa durante a presentación de cada unha das persoas que integran a candidatura.
Despois do "alcaldable" a lista complétase con María Canosa Otero (2), Brais Sánchez Novelle (3), María Dolores Cerqueiro Peón (4), José Manuel Piñeiro Crespo (5), Ángela Casal Cal (6), José Luis Madrazo Viadero (7), Carmen Gallego Calvar (8), César Poza González (9) Cristina Meira Ríos (10), Diego Ferreira Guerra (11), Sonia Villaverde Novas (12) e José Luis Poceiro Martínez (13).