Os comerciantes e o Concello de Ponte Caldelas celebran o Día da Nai con tres xornadas de actividades
Por Redacción
A colaboración estable entre a Asociación de Comerciantes de Ponte Caldelas (Coempo) e o Concello de Ponte Caldelas volve estreitarse coa celebración dun Día da Nai que, por primeira vez, inclúe tres días de actividades especialmente pensadas para os máis cativos.
O programa, que foi presentado polo presidente dos comerciantes, Suso Peleteiro, así como polos directivos Diego Rodríguez, Roberto Ricón e Marta Reimúndez, aposta por agasallar á clientela, en forma de actividades, a súa fidelidade ao longo do ano. Á presentación asistiu tamén o alcalde, Andrés Díaz, que animou a toda a veciñanza da bisbarra a mercar no comercio local de Ponte Caldelas.
O programa bota a andar este venres, día 3, ás 18.30 horas cunha batukada polas rúas do centro urbano. A partir das 20.30 horas celebrarase a actuación do Mago Paco no escenario da praza de España. O sábado haberá karts para a rapazada en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. A continuación celebrarase un obradoiro de chapas e xogos populares.
Finalmente, o domingo, 5 de maio, estarán dispoñibles grandes inchables na Alameda. A novidade é que este ano chegan con pista americana, campo de fútbol e tobogán con parque de bolas.
O Goberno local de Ponte Caldelas e Coempo manteñen unha colaboración estable ao longo do ano que serve para a dinamización comercial do municipio con máis dunha ducia de citas ao longo do ano.