A Asociación Amigos de Santa Baia pide axuda á Xunta para restaurar o tellado da igrexa
Por Redacción
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo este luns unha reunión na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra coa Asociación de Amigos de Santa Baia de Ponte Caldelas co obxectivo de analizar a restauración do tellado da igrexa do século XVII desta parroquia.
Durante o encontro os veciños trasladáronlle ao responsable de Cultura o seu interese por recuperar o teito desta igrexa que se atopa en moi mal estado e que ameaza con causar graves prexuízos a esta construción barroca de gran valor cultural.
A Asociación Amigos de Santa Baia leva tempo realizando actividades para recaudar fondos para poder acometer a restauración e agardan agora contar co apoio económico da Xunta de cara a poder iniciar as obras no vindeiro mes de xuño, para o cal contan xa con licencia municipal e autorización de Patrimonio.