Cuntis retoma os labores de asfaltado en todas as parroquias
Por Redacción
O Concello de Cuntis retomou os labores de asfaltado en todas as parroquias co obxectivo de mellorar a imaxe e a seguridade viaria das principais estradas e camiños do municipio.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos explicou que "aproveitando o bo tempo e os amplos recursos do parque de maquinaria do Concello decidimos retomar as obras de asfaltado".
O concello xa acometeu unha primeira fase de obras "pero houbo que parala pola choiva e agora que volven subir as temperaturas acordamos continuar con elas", explica o rexedor.
As obras realízanse con fondos propios e a maquinaria e operarios do parque municipal. Polo momento, os traballos concéntranse na parroquia de San Mamede, cuxa estrada principal soporta unha alta densidade de tráfico e presentaba xa bastantes gretas e fochancas que con esta actuación quedarán emendados. Logo, a brigada de estradas municipal desprazarase aos lugares de Vilar e Cardecide, na parroquia de Cuntis, para continuar por Arcos de Furcos e Couselo.