Ponte Caldelas 'bachea' unha estrada da Xunta en Vilarchán ante o seu pésimo estado
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas non agardou máis. Operarios do Concello 'bachearon' unha estrada de titularidade da Xunta en Vilarchán, a PO-180, ante o seu deteriorado estado nos seus dous quilómetros de trazado.
O Concello decidiu acometer esta obra de mantemento diante das numerosas queixas da veciñanza de Vilarchán.
O mal estado da PO-180, que é un sobrante da estrada autonómica PO-532 que une Pontevedra con Ponte Caldelas, é coñecido pola Consellería de Infraestruturas segundo o goberno municipal.
Ponte Caldelas, recordou o alcalde, solicitou por dúas veces durante este mandato a súa transferencia, pero non recibiu resposta. Dende o Concello, nin sequera se reclama o seu arranxo e urbanización previas, como é habitual, pois enténdese que diante do desinterese da Xunta é preferible que se traspase tal e como está antes de que continúe abandonada.
O alcalde, Andrés Díaz, non entende esta actitude da Xunta e menos aínda neste caso, ao tratarse dunha estrada que carece de mantemento dende a construción do novo trazado da vía autonómica hai máis dunha década.