Marcar a X solidaria na declaración da renda, asignatura pendiente en Pontevedra
Por Redacción
Apenas a metade dos contribuíntes de Pontevedra marcan a X solidaria nas súas declaracións da renda. En concreto, un 52,57% do total. Iso converte á Boa Vila -e aos municipios que dependen da delegación de Facenda na cidade- na rexión menos concienciada de toda Galicia.
Así se desprende dos datos que fixo públicos a EAPN Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza. As persoas que en Pontevedra marcaron a casa de Actividades de interese social permitiron que o Estado destine 2.604.751 euros a proxectos de ONG no último ano. Como media, cada contribuínte achegou uns 23 euros dos seus impostos.
Na cidade, entre outros, deste diñeiro beneficiáronse iniciativas sociais de entidades como DOWN Galicia, Amencer-Aspace, Cogami, Meniños, a Fundación Secretariado Xitano, FADEMGA Plena inclusión Galicia ou a Federación de Autismo de Galicia.
A asignación fiscal do IRPF permite ás persoas contribuíntes elixir o destino dunha pequena parte dos impostos que lle foron retidos durante o ano. En concreto, poden destinar un 0,7% da súa cota íntegra a actividades de interese social, axudando así a persoas en situación de vulnerabilidade.
Marcar esta X Solidaria non custa nada. Nin pagas máis, nin cte devolverán menos. Simplemente ordenas que o diñeiro dos teus impostos sirva para financiar programas e proxectos sociais desenvoltos por ONG ou entidades sen ánimo de lucro.
En toda Galicia, no ano 2018, un 55% dos contribuíntes marcaron a X solidaria, aínda que un 22% deles fixérono tamén co da Igrexa católica. Pola súa banda, un 12% só marcou a casa da Igrexa e un 33% non marcou ningunha das dúas.
Se os case 600.000 galegos que non accederon a financiar proxectos sociais marcasen esa casa, as ONG de Galicia contarían con case doce millóns de euros adicionais.