Marín inspecciona a montaxe das atraccións das festas de Cantodarea
Por Redacción
Especialistas de Enmacosa Consultoría Técnica, por encargo do Concello de Marín, están a inspeccionar a montaxe e funcionamento das atraccións itinerantes instaladas na avenida do Marqués de Valterra con motivo das festas de San Xosé Obreiro que se celebrarán desde esta tarde en Cantodarea.
Con esta iniciativa, Marín converteuse o pasado ano no primeiro Concello que ampliaba os controis de seguridade ás celebracións organizadas por diferentes comisións de festas, á marxe das impulsadas polo propio consistorio.
Os técnicos seguen un protocolo específico para garantir a realización dun exame o máis completo posible de cada unha das atraccións. Deste xeito, solicitan a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto…).
Comproban tamén que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Analízanse así mesmo outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.
Todas as revisións realízanse na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar termos relativos ao deseño do aparato, que serían obxecto da correspondente homologación. Os controis non entran a valorar o estado das tensións internas de calquera eixe ou compoñente mecánico, así como as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha análise máis exhaustiva en instalación fixa, con maquinaria adecuada e co tempo necesario, é dicir, cunha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non reviste carácter obrigatorio para estas instalacións.
O traballo complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.