O Grove, contra as toalliñas hixiénicas que os veciños tiran polo retrete
Por Redacción
As toalliñas hixiénicas que os veciños e as veciñas do Grove tiran polos seus aseos están a provocar un grave problema no municipio. Acaban nos bombeos e nas bombas das depuradoras atascando os sistemas de recollida de fecais.
Nas últimas semanas, o Concello tivo que levantar cestos de bombeo de xeito continuo ao estar colapsados con este material. Foi nos bombeos da zona do Corgo ou de Porto Meloxo, que amosan un aspecto lamentable ao non poder facer fronte a estes atascos.
Estas toalliñas están a causar problemas na xestión dos residuos do Grove pero tamén danos ambientais moi graves ao entorpecer o proceso de xestión da auga, provocando custos económicos de limpeza que incrementa os previstos para este fin.
Os atascos xerados por este material xa teñen producido problemas moi graves en cidades como Valencia ou San Sebastián nos pasados anos e, recorda o goberno municipal, O Grove pode sumarse ás localidades con estas incidencias se non se corrixe o abuso deste produto.
Estes produtos non son biodegradables e, de feito, a diferenza do papel hixiénico que se degrada nun 95% á media hora de estar na auga, unha toalliña apenas disolve un 36% da súa composición dous días despois de ter chegado ao inodoro.
Ademais, esta inclúe unha composición química que resulta altamente contaminante e dificilmente se pode reducir no proceso de depuración.
Por iso, desde o Concello do Grove fan un chamamento á concienciación dos veciños e veciñas para que eviten o uso destes produtos e, sobre todo, non se boten polo inodoro.