Ponte Caldelas repara catro fontes na Roca e estrea unha nova
Por Redacción
Cinco fontes do lugar da Roca, en Ponte Caldelas, manarán auga a partir de agora. Operarios municipais repararon catro destes surtidores, situados na parte alta deste núcleo rural, e instalaron unha nova grazas á recuperación dunha mina de auga.
As obras foron executadas ao longo das últimas semanas despois da recuperación desta mina, que se atopaba en malas condicións.
Os veciños, coa colaboración municipal, instalaron unha nova captación e nova condución, o que permitiu abastecer os surtidores coa presión suficiente.
O resto das fontes foron completamente reparadas coa instalación de chaves de paso, novas billas, fontanería, conducións e mesmo encintado das pezas de pedra.
Algunhas destas fontes están elaboradas a partir de elementos etnográficos, como rodas de muíño doadas polos veciños hai anos.