Intentan sabotear o dúatlon do ITU Multisport botando chinchetas no percorrido
Por Alejandro Espiño
Un grave feito vandálico, que podería ser mesmo constitutivo de delito, tratou de embazar o debut deportivo dos mundiais de tríatlon que acolle a cidade de Pontevedra. A organización tivo que retirar chinchetas que foran arroxadas polo circuíto.
Segundo puido confirmar PontevedraViva, a rápida actuación da Policía Local e dos servizos de limpeza impediu que se rexistraran accidentes entre os participantes.
As chinchetas apareceron á primeira hora da mañá na avenida de Compostela, nas inmediacións de Médico Ballina, e en Lérez. As primeiras investigacións apuntan a que os autores desta fechoría arroxaron os cravos desde unha das pontes que cruza este viario.
Desde a Policía Local apuntan que se trata dun feito moi grave e que atenta contra a seguridade dos deportistas que, ao longo da xornada deste sábado, participan nas probas de dúatlon.
Esta disciplina está composta de tramos en bicicleta e carreira a pé. As chinchetas apareceron pola zona que debían atravesar os ciclistas.
As autoridades sinalaron que se tratou dun feito "puntual" que puido ser resolvido grazas ao "continuo" operativo de vixilancia e limpeza no percorrido da proba.
Nestas primeiras horas non se rexistrou ningún outro incidente.