Da Silva, concelleira de Seguridade Cidadá, lembra aos policías de baixa que traballan para a cidadanía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, avaliou este venres a baixa masiva de policías locais ante a celebración dos Mundiais de Tríatlon en Pontevedra. A representante nacionalista sinalou que se van a adoptar as medidas necesarias desde o Concello para esixir que a autoridade competente, o Sergas, comprobe se "esta baixa, por chamarlle algo, absolutamente masiva" está xustificada.
Carme da Silva entende que non están en absoluto xustificadas porque se non, chanceou, é cuestión de facer un estudo de como é posible que haxa este andazo. Actualmente ata 30 axentes da Policía Local de Pontevedra atópanse de baixa laboral.
A concelleira fixo unha chamada á responsabilidade lembrando que as persoas que traballan na administración, non traballan para os gobernos senón para a cidadanía. "Son funcionarios públicos e teñen a obriga de facer o seu traballo coa maior profesionalidade", apuntou.
En contraposición a este problema, a responsable de seguridade no municipio, aclarou que hai unha gran cantidade de persoal funcionario no Concello que cumpre "escrupulosamente e moito máis alá" co seu traballo. Neste sentido lamentou que haxa xente que prefire facer outras cousas antes de cumprir co traballo polo que reciben un salario que é pagado cos impostos de todas as persoas.
Esta situación prodúcese no marco do conflito laboral aberto desde hai anos entre o goberno local de Pontevedra e os representantes sindicais da Policía Local.